Friday 01 de November de 2024

O Concello conmemora o 25 aniversario do Aquarium Finisterrae cun gran lenzo ‘Atlántico’


A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a obra do artista Manuel Suárez, única no país no seu formato

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o lenzo conmemorativo con motivo do 25 aniversario da apertura do Aquarium Finisterrae. Rey estivo acompañada polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo castro; e Manuel Suárez, artista coruñés e autor da obra titulada ‘Atlántico’, sobre a conexión do artista co océano Atlántico. “O Atlántico forma parte da nosa identidade como cidade e deste Aquarium e dende hoxe fica non só no seu exterior, tamén no corazón do museo” sinalou Rey.

A alcaldesa lembrou que o Aquarium Finisterrae foi pioneiro nos museos do seu xénero. “O Aquarium ampliou a rede municipal de Museos Científicos tamén pioneira no conxunto do país e hoxe continuamos esa liña con este gran lenzo, obra sen precedentes no país e probablemente no mundo”, explicou Rey. A peza mural, sita na sala Maremagnum, é unha obra de técnica mixta sobre un lenzo dunha soa peza de 2,50 m de alto por 60 m de longo, sendo a única coñecida no mundo nun soporte de tales dimensións.

A obra é resultado da concesión dunha bolsa de creación artística do Concello da Coruña, impulsadas polo Goberno de Inés Rey logo da pandemia da Covid-19 para a dinamización da cultura e a axuda aos artistas locais. “Grazas a esta bolsa puiden conectar coa miña creación e desenvolver este proxecto artísticos” sinalou Suárez.

Rey destacou o liderado científico da Coruña, única cidade da súa dimensión en España que conta con tres museos científicos de titularidade municipal. “Non hai outra cidade que fixera unha aposta tan marcada pola ciencia como A Coruña”, sinalou. A rexedora lembrou que o fito chegou da man do primeiro goberno progresista da cidade e é símbolo da primeira gran transformación da Coruña. “Hoxe continua con coa Cidade das TIC e a AESIA, dúas infraestruturas que volveron poñer A Coruña no mapa da innovación científica” concluíu.

Novidades con motivo do 25 aniversario

Con motivo do 25 aniversario, a alcaldesa adiantou algunhas accións e novidades coas que o Aquarium Finisterrae celebrará a efeméride. Sinalou que chegarán novas exposicións ás salas do museo na liña de ‘Lixo Exquisito’, aberta recentemente. “Como novidade, o Acuario incorporará ás exposicións obxectos recollidos do mar Atlántico, entre eles eles unha canoa procedente de América do Sur que foi recollida por un barco pesqueiro de Ferrol e que se exporá este ano”, explicou.

Rey tamén avanzou a chegada de novas especies aos acuarios mariños e concretou: “algún novo exemplar non será nin un peixe, nin un invertebrado”, avanzou, e deu conta de que oAquarium Finisterrae será o primeiro dos tres Museos Científicos en iniciar o proceso dedixitalización de contidos. “O liderado tecnolóxico ten nesta cidade un papel esencial e este ano comezará por ser unha realidade tamén na nosa rede de Museos” sinalou.

Tamén se renovarán parte das infraestruturas, avanzando no peche perimetral e dispoñendo un novo tubo de captación que permitirá a entrada de auga mariña dende o fondo da bahía do Orzán.